luns, 17 de abril de 2017

Un altar rupestre no Outeiro da Manzanela

No venres 14 de abril do 2017 foi un día histórico para o pobo de San Cibrao ao recibir a ilustre visita do Dr. Antonio Rodríguez Colmenero, acompañado dos egrexios cronistas tamaganos Julio Alonso e Bruno Rúa, para poder identificar correctamente uns posibles achados arqueolóxicos.

O caso é que se identificaron dous fustes inéditos de época romana ubicados en patios interiores de casas do interior de San Cibrao, dando as grazas aos seus propietarios pola amabilidade e enorme información que aportaron ao contarnos da posible procedencia destes vestixios. Parece ser que un destes fustes facía parte dun peche dunha viña que estaba próxima á zona das Raposeiras onde a xente vella contaba que alí houbera un pobo que fora destruído polas formigas. Semella que neste lugar está catalogada unha vila romana. Tamén dixo que vai unhas décadas xa se descobrira un miliario en San Cibrao que está depositado no museo arqueolóxico provincial de Ourense.

Segundo o Dr. Rodríguez Colmenero nas inmediacións de San Cibrao pasaba una vía romana que salía de Aquae Flaviae (Chaves) en dirección ao Alto da Portela, e pasando por Outeiro-Seco, Vilarelho-da-Raia, Rabal, San Cibrao, Oímbra ou O Rosal, e dende o Alto da Portela pasaría por Vilaza (posible Vila Atia) e subiría por Infesta, Guimarei ou Rebordondo, cara ao alto das Estivadas e continuar logo ata xuntarse con outra vía por Xinzo da Limia.

A seguinte identificación foi a de maior interese arqueolóxico xa que se corroborou a existencia nada menos que dun altar rupestre indíxena no Outeiro da Manzanela, zona hoxe pertencente á aldeia veciña de Vilarelho-da-Raia, do concelho de Chaves. O que semella ser decisivo foi o que denominou foculus, onde se poría unha candea acesa para rendir culto ás divindades. Este foculus consiste nunha base cadrada traballada na pedra de xisto, cunha zona rebaixada no medio para poñer a candea e con dúas canles de saída, unha a nacente e outra a poñente. Tamén presenta uns chanzos excavados na rocha para darlle aceso, e dúas ou tres coviñas (petróglifos).

Por outra parte tamén se ven vestixios de laboura na rocha coma máis petróglifos con coviñas, en diversas posicións e até con canles traballados, neste e no veciño Outeiro do Paula ou Tras do Outeiro. A nacente vese unha grande pedra con factura no cimo para asentamento dalgún utensilio. O conxunto enteiro e si mesmo marca un círculo lítico natural que da lugar a interpretacións de tipo ritual.

Para terminar dicir que o lugar é veciño da paraxe denominada Vale da Ermida, onde se atopou en tempos una tumba antorpomorfa, hoxe desaparecida, o que nos leva a asegurar a sacralidade do lugar. Na inmediación decorre o denominado Regueiro da Vella, coas connotacións antropolóxicas que poida derivar este nome. Nos arredores tamén aparecen ladrillos/tixolos macizos sen datación. E algo máis afastado, aínda que relativamente perto, atopamos a leste o mítico Castro de Vamba, coa lenda asociada do seu Rei, e a sul o manancial de augas minerais da Fonte da Facha, onde se conta que tomaría baño este Rei Vamba. A noroeste tamén se contempla a visión directa coa espectacular ubicación da ermida da Santa Ana. E, como non, o propio topónimo de Manzanela non se sabe certo a que poida facer referenza mais intúese que esa raiz manz- sexa moi arcaica.

Para rematar a xeira visitamos o lugar dalgunha pedra de delimitación da raia galega-transmontana (España-Portugal) das denominadas históricas con ambos escudos sintetizados de Portugal e poida que o dalgún apelido provinte da casa de Monterrei segundo nos conta Julio Alonso.

Todo un luxo de visita e de resultado.

Grazas a todos os partipantes: Dr. Rodríguez Colmenero, Julio Alonso, Bruno Rúa e Pedro Damorín Rodríguez.