venres, 27 de agosto de 2021

O topónimo San Cibrao en documentos antigos

A continuar vanse por unhas referencias antigas do lugar de San Cibrao, atopadas en documentación da época pola egrexia arqueóloga, investigadora e apaixonada da bisbarra Nieves Amado Rolán, veciña de Laza, un traballo de calidade, moi laborioso e de suma importancia histórica, onde ten recollido a toponimia e alusións máis antigas das aldeas e vilas da comarca de Monterrei.

Isto é o que recolleu no tocante a San Cibrao:

Non se teñen referencias anteriores ao S. XV, iso non quere dicir que non existise pero non se atoparon documentos anteriores.

Aparece sempre como propiedade do mosteiro de Celanova, o lugar enteiro, a igrexa e unha granxa que tiña alí Celanova para administrar as propiedades.

1474-vos aforamos o lugar de San Cibraao que esta eno couto d’Oinbra que he eno valle de Monterrey.

1481 O abade don Álvaro de Oca e o mosteiro de Celanova aforan a Xoana González de Alvarellos e a catro voces a aldea de San Cibrao.

1492- aforan a Pero Anton, zapateiro, e á súa muller Estasya Vázquez, a Gonzalo Martínez Malqeryo e á súa muller María Trigo, o lugar e couto de San Cibrao.

1493-e o dito lugar et granja de Sant Çibraao.

1493- e que lle levaron a pedra da dita granja et ygleja de San Çibraao et da cabstra da dita ygleja.

S. XV Lo otro que seyendo el coto de San Çebrian de las Cobas, ques cabe Oynbra, del monesterio de Çelanova con la jurisdiçion et terminos et todo lo mas a el pertenesçiente los ofiçiales de la sennora condesa donna Françisca se entremetieron alli a usurpar la jurisdiçion et sobrello ay pleyto pendiente.

1587 Dignidad de Arcedianazgo de Baroncelle: S. Cibrian de Oimbra 20 veciños.

Moitísimas grazas á súa autora pola interesante información proporcionada de maneira altruísta para mellor coñecemento do percorrido histórico dun pobo.

O non menos egrexio historiador e investigador Andrés Diz Domínguez, veciño de Rabal, conta que atopara un documento, nun principio medieval, cunha referencia en latín a un tal San Cibrao de Monterrei, Sancti Cipriani Montis Regio (?), mais comenta que está considerado como falso, a saber de que época, de facto a toponimia de Monterrei na Idade Media era Castro de Baroncelli, Castrum Baroncelli. Ponse entón como unha simple curiosidade. Grazas tamén polo labor de importancia que facedes coas vosas investigacións históricas.

Nieves e Andrés, co voso traballo facedes país: "Seitureiros, coas gavelas faise palleiro."

mércores, 25 de agosto de 2021

Memorias dun pobo

A contiuar vaise relatar unha información acerca de historias e vestixios arqueolóxicos á volta de San Cibrao, isto contado polo veciño Pedro Damorín, quen coñecía moitas destas cousas de interese. Trátase do seguinte:

Dicía que no Val da Ermida, xa de Vilarelho, por baixo do Outeiro da Manzanela (que aínda que xa de Portugal hai predios de veciños de San Cibrao, e seica ata había dereito de pastoreo pola Manzanela) atopárase vai tempo unha tumba de pedra (tumbas antropomorfas asociadas a orixes tardo-romanas, suevas-visigodas e altomedievais). Levárase para unha fonte da aldea a modo de pía e logo como ornamento para o xardín do Campo de San Cibrao. Anos despois, durante unhas obras no Campo, quebrouse a pedra e tiraron con ela a saber para onde (perdéndose case que de seguro para sempre, só queda entón o testemuño dela).

Tamén contaba que entre Oímbra e San Cibrao, nas Raposeiras, houbera unha aldea hoxe desaparecida (acho que o conto era que tivera que ser abandonada por mor das formigas (?)) da que quedaban só algunhas pedras e que se atopara alí unha columna arredondada moi ben traballada (coido que no lugar está catalogada unha vila romana).

Outra historia que contou era da época da guerra civil española ou da posguerra, de cando andaban os fuxidos polo monte, de ideoloxías esquerdistas, dicía que unha partida deles que se agochaban polo Soutullo déralles por facer un gravado nun penedo no que puxeran "Viva Rusia" (de interese, xa que sería un petróglifo de mediados do século XX), noutra ocasión dixérase que o gravado fora feito por un veciño de Oímbra (haberíase de pescudar máis no tema). Estaba na ladeira do Soutullo por un carroucho que baixa cara San Cibrao dende O Penedo Furado (andívose pola zona para tratar de atopar este gravado mais non se deu con el, polo tanto segue desaparecido, inédito).

Preguntóuselle polo fuxido e veciño de San Cibrao, Luís González, de alcume O Coello, dixo que na época da guerra fuxira para O Cambedo e contábase que se agochaba nun buraco dun penedo. Había un conto que dicía que chegado O Coello a ese buraco preguntaba antes de entrar: "Lobo estás aí?", se o lobo non contestaba metíase el, e, ao contrario, chegaba o lobo ao buraco e antes de entrar preguntaba: "Coello estás aí?" e se O Coello non contestaba metíase o lobo (unha fábula singular con trazos de realidade na que se eleva a categoría mitolóxica e lendaria as vivenzas dunha persoa real, de moito interese xa que a lenda xurdíu cando esta persoa aínda estaba con vida). Tamén contaba que O Coello tiña a mai na Arxentina e que lle enviaba diñeiro que ía a recollelo a Chaves, dese modo era como subsistía. Semella que durante a posguerra collérano varias veces, levárano incluso para a prisión de Ourense, pero volvía a fuxir. De vello, xa pola década dos 90, desapareceu da casa varias veces e para o outro día sempre ían atopalo no monte (a saberse todo o que tería para contar o propio Luís González, de certo que daría para unha narrativa das boas).

Isto foi o que transmitíu.

É de interese para a comunidade recollérense estes coñecementos herdeiros da tradición oral. A quen saiba máis contos, lendas e historias ao respecto ou poida corrixir ou engadir información destes temas tratados agradécese que o diga.

Moitas grazas

luns, 13 de xullo de 2020

Unha tarde de calor pola Raia

Unha rota pola mesma Raia entre A Cruz da Portela de Vamba, pasando polo Marco do Penedo Redondo, O Outeiro do Moucho, A Sancha e ata O Outeiro Grande