mércores, 25 de agosto de 2021

Memorias dun pobo

A contiuar vaise relatar unha información acerca de historias e vestixios arqueolóxicos á volta de San Cibrao, isto contado polo veciño Pedro Damorín, quen coñecía moitas destas cousas de interese. Trátase do seguinte:

Dicía que no Val da Ermida, xa de Vilarelho, por baixo do Outeiro da Manzanela (que aínda que xa de Portugal hai predios de veciños de San Cibrao, e seica ata había dereito de pastoreo pola Manzanela) atopárase vai tempo unha tumba de pedra (tumbas antropomorfas asociadas a orixes tardo-romanas, suevas-visigodas e altomedievais). Levárase para unha fonte da aldea a modo de pía e logo como ornamento para o xardín do Campo de San Cibrao. Anos despois, durante unhas obras no Campo, quebrouse a pedra e tiraron con ela a saber para onde (perdéndose case que de seguro para sempre, só queda entón o testemuño dela).

Tamén contaba que entre Oímbra e San Cibrao, nas Raposeiras, houbera unha aldea hoxe desaparecida (acho que o conto era que tivera que ser abandonada por mor das formigas (?)) da que quedaban só algunhas pedras e que se atopara alí unha columna arredondada moi ben traballada (coido que no lugar está catalogada unha vila romana).

Outra historia que contou era da época da guerra civil española ou da posguerra, de cando andaban os fuxidos polo monte, de ideoloxías esquerdistas, dicía que unha partida deles que se agochaban polo Soutullo déralles por facer un gravado nun penedo no que puxeran "Viva Rusia" (de interese, xa que sería un petróglifo de mediados do século XX), noutra ocasión dixérase que o gravado fora feito por un veciño de Oímbra (haberíase de pescudar máis no tema). Estaba na ladeira do Soutullo por un carroucho que baixa cara San Cibrao dende O Penedo Furado (andívose pola zona para tratar de atopar este gravado mais non se deu con el, polo tanto segue desaparecido, inédito).

Preguntóuselle polo fuxido e veciño de San Cibrao, Luís González, de alcume O Coello, dixo que na época da guerra fuxira para O Cambedo e contábase que se agochaba nun buraco dun penedo. Había un conto que dicía que chegado O Coello a ese buraco preguntaba antes de entrar: "Lobo estás aí?", se o lobo non contestaba metíase el, e, ao contrario, chegaba o lobo ao buraco e antes de entrar preguntaba: "Coello estás aí?" e se O Coello non contestaba metíase o lobo (unha fábula singular con trazos de realidade na que se eleva a categoría mitolóxica e lendaria as vivenzas dunha persoa real, de moito interese xa que a lenda xurdíu cando esta persoa aínda estaba con vida). Tamén contaba que O Coello tiña a mai na Arxentina e que lle enviaba diñeiro que ía a recollelo a Chaves, dese modo era como subsistía. Semella que durante a posguerra collérano varias veces, levárano incluso para a prisión de Ourense, pero volvía a fuxir. De vello, xa pola década dos 90, desapareceu da casa varias veces e para o outro día sempre ían atopalo no monte (a saberse todo o que tería para contar o propio Luís González, de certo que daría para unha narrativa das boas).

Isto foi o que transmitíu.

É de interese para a comunidade recollérense estes coñecementos herdeiros da tradición oral. A quen saiba máis contos, lendas e historias ao respecto ou poida corrixir ou engadir información destes temas tratados agradécese que o diga.

Moitas grazas

Ningún comentario: