luns, 27 de setembro de 2021

Sobre o san Cibrao, o san Cipriano e O Ciprianillo

Na cultura popular San Cibrao ou San Cipriano foi venerado coma un santo para desfacer meigallos e traballos de maxia negra.

Atribúeselle a autoría de grande parte do grimorio intitulado Libro de San Cipriano, tamén coñecido como Grande Libro de San Cipriano, Libro magno de San Cipriano, O Tesouro do Feiticeiro (en portugués) ou simplemente O Ciprianillo.

O Ciprianillo describe diferentes procedementos con ensalmos e rituais para atopárense os tesouros que os mouros (mitolóxicos) agocharan en covas, mámoas, dolmens, castelos ou castros. Tamén ensina a chamar e esconxurar ao Demo, combater o mal de ollo, adiviñar o oculto e diversos remedios máxicos de todo tipo, feitizos de amor e de desamor, numerosos ensalmos, receitas e feitizos para alcanzar poderes máxicos do máis diverso, e máis.

Hai controversia no tocante á data de publicación. No entanto, nunha das edicións, a primeira parte tería a relación de tesouros existentes en Galicia, e a segunda estaría formada por remedios para curar doenzas e agoiros para axotar o mal. Esa primeira parte suponse que sería de autoría galega, porque a toponimia empregada e a tradición que recolle reflicte un grande coñecemento do folclore galego.

San Cibrao de Antioquía:

Imaxe de Wikipedia.Galicia

As raíces do Ciprianillo remóntanse aos primeiros séculos da nosa era, cando entraron na península ibérica, e en Galicia, algúns cultos relacionados co Oriente. Cóntase que san Cibrao de Antioquía foi consagrado ao Demo polos seus pais, nada máis nacer, e medrou practicando a maxia negra. De mozo, namorouse da santa Xustina e quiso conquistala coa axuda do Demo, pero este non foi quen de gañala porque Xustina se defendera  facendo o sinal da cruz. Asombrado da forza da cruz, Cibrao rompeu o pauto co Demo e fíxose cristián, ata ser martirizado e decapitado xunto con Xustina. No entanto, a lenda conta que, trala súa conversión, recolleu nun libro todo o que aprendera do Demo. Este libro sería a fonte do actual Ciprianillo.

Como san Cibrao, tamén santa Comba foi meiga antes de ser bautizada, e por iso son considerados bos esconxuradores e invocados para curar diversas enfermidades estrañas. Nalgúns lugares de Galicia, en igrexas e capelas adicados a estes dous santos, celébranse rituais máxicos para protexerse do mal de ollo. O refraneiro di que: "O que vai a Santa Comba e non vai a San Cibrao, fai a viaxe en van". E hai varios ensalmos contra o mal de ollo que remataban rezando tres nosopai a san Cibrao e tres salves a santa Comba.

Na bisbarra temos a Santacombiña, Santa Comba de Baroncelle, Vilardevòs.

Santa Comba de Sens:

Imaxe de Wikipedia.Galicia

Comba de Sens, Santa Comba, nada na Gallaecia contra o ano 257, decapitada en Meaux no ano 273, foi unha virxe mártir cristiá galaica. Unha lenda galega sostén que antes de ser unha virtuosa mártir virxe, Comba era meiga. Disque un día, a bruxa Comba, atopouse nun camiño da vella Galicia con Xesús Cristo, logo de que este lle dixese: "Segue adiante e sé unha bruxa, mais non entrarás no meu reino", a súa vida non volveu a ser a mesma. O relato afirma que Comba converteuse ao cristianismo e foi martirizada pola súa fe despois de se negar a renegar dela, ou despois de rexeitar insinuacións sexuais dos homes. Converteuse na santa patroa das meigas galegas, actuando tanto coma unha intercesora en nome das meigas coma en contra das bruxas.

Máis en: https://gl.wikipedia.org/wiki/Comba_de_Sens

En Galicia e Portugal seica houbo en circulación moitos libros do Ciprianillo ou do Tesouro do Feiticeiro, ata se tiña case que como unha biblia, dicíase incluso que era o libro o que escollía ao posuidor, non o posuidor ao libro, isto recolleuse no norte de Portugal sen precisarse localidade, seica tamén se herdaba de abós-aboas a netos coma un ben moi prezado.

Tamén servíu negativamente para profanárense moitas mámoas na busca de cobizados tesouros imaxinarios, con moitas lendas no tocante, de facto os interesados e ensalmadores dos contos sempre acababan fuxindo aterrados co medo e sen tesouros, se callar o verdadeiro tesouro estaba na aprendizaxe de que a cobiza non era boa conselleira.

Podedes atopar máis información en: https://gl.wikipedia.org/wiki/O_Ciprianillo

Falouse deste san Cibrao de Antioquía por ter relación co Ciprianillo, e este coas lendas de mouros e tesouros da tradición oral galego-portuguesa, mais o santo venerado en San Cibrao debe ser estoutro, san Cibrao de Cartago ou san Cipriano de Cartago (non sei mesmo): https://pt.wikipedia.org/wiki/Cipriano_de_Cartago

Imaxe de Wikipedia.Portugal

Saúdos

Ningún comentario: